Tuesday 07 de May de 2024

Aberto o prazo para solicitar as axudas para a Área de Rehabilitación de vivendas do casco histórico de Noia


 

O Concello de Noia informa da apertura do prazo dun mes para a solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas situadas na Área de Rehabilitación Integrada (ARI) do casco histórico da vila. As persoas interesadas poden presentar as súas peticións e obter información detallada do procedemento na Oficina de Rehabilitación do Concello.

Poden aspirar a estas axudas, financiadas pola Xunta e polo Ministerio de Fomento, tanto persoas físicas como xurídicas, entre elas as comunidades de veciños, así como entidades que carezan de personalidade xurídica propia pero debidamente representadas. Como colectivos preferentes figuran as familias numerosas, as unidades monoparentais con cargas familiares, persoas que sufriran unha execución hipotecaria na súa vivenda habitual, vítimas de violencia de xénero, casos de discapacidade ou situacións de desemprego, situacións de risco de exclusión social e vítimas de actos terroristas.

Que se subvenciona?
Como actuacións subvencionables, a ordenanza reguladora das axudas recolle oubras e traballos de mantemento e intervención en vivendas unifamiliares e en edificios, tanto en exterior como en interior, para adecualos aos estándares das normativas vixentes sobre vivenda. Tamén poden recibir axudas as obras de demolición de edificios, de vivendas e infravivendas para a edificación de vivendas e de edificios de vivendas de nova construción.

Son tamén susceptibles de recibir estas subvencións as accións de mellora enerxética e sostenibilidade. Neste eido sinálanse iniciativas como o instalación de illamentos, a substitución de carpinterías ou a dotación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria, ou equipos de xeración e utilización de enerxías renovables. Contémplanse tamén accións para a protección contra o ruído ou para reducir a concentración de gas radón.

A convocatoria cobre ademais traballos para a conservación de cimentacións, estruturas, cubertas ou fachadas, e melloras de accesibilidade tales como instalación de ascensores, salva escaleiras, ramplas, guindastres. Do mesmo xeito, poderán subvencionarse videoporteiros e elementos domóticos que favorezan a autonomía de persoas maiores ou con discapacidade.

Importe das axudas
As subvencións estatais poden acadar con carácter xeral o 40% do investimento. Segundo determinados límites de renda a porcentaxe máxima poderá chegar ao 75%. As contías máximas son de 12.000 euros por vivenda rehabilitada, sexa unifamiliar ou en edificio residencial colectivo, e de 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida e en casos de infravivenda ou chabolismo. En canto ás axudas autonómicas poden acadar ata 4.000 euros por vivenda en rehabilitación, sen superar o 10% do custo do proxecto.

Será o Concello de Noia quen pague as axudas ás persoas ou entidades beneficiarias mediante unha transferencia bancaria, unha vez que o Ministerio e a Xunta ingresen as cantidades correspondentes ás axudas con concesión definitiva. Para ser ingresadas terá que terse acreditado antes de tres meses a ocupación efectiva da vivenda ou a súa transmisión e certificado de empadroamento de quen a adquira. Nos casos de vivendas de alugueiro, o prazo é de seis meses e o contrato ten que ser por un mínimo de cinco anos.

Documentación
O impreso de solicitude debidamente cuberto e asinado terá que acompañarse dunha copia do DNI de quen solicita. No caso das comunidades de veciños, teñen que incorporar o código de identificación fiscal e os certificados de nomeamento de presidente e de aprobación das obras, entre outros documentos.

Se se trata de obras menores, deberán acompañar unha memoria descritiva, unha reportaxe fotográfica do estado previo da vivenda, un cronograma e o orzamento. Para obras maiores, haberá que incorporar o proxecto técnico orzamentado segundo os criterios fixados nas bases.

A copia da licenza municipal das obras, a documentación do IRPF nos casos que proceda, os certificados tributarios e censais e diversas declaracións responsables son outros dos documentos que formarán parte da solicitude.